Delegación "Modelo Burela" recibida por Neira Vilas (Gres, 3/03/2015). De esquerda a dereita da imaxe: Lavilson R. Monteiro, Xosé Neira Vilas, Kátia da Veiga Gomes, Álex Ladim Correia (sentados); Babacar Sakho, Carla da Veiga Gomes, Silvera Vicente de Oliveira, Viviane Furtado Brito, Imerce da Silva Alves, Macarena Ledo Vázquez e Helena Valle García (De pé); Mouhamed Sakho, Simón Rodríguez Rouco, Carolina Arcila Arenas, Noelia Parga Gaitica, Laura Semedo Brito, Sofu Housni e Sergio Rivas Valiña (De pé, na segunda fila)
Na tarde do día 28 de novembro de 2015 unha representación do Modelo Burela desprazouse a Gres (Vila de Cruces) para asistir aos actos de sepelio do escritor Xosé Neira Vilas e para acompañar a súa familia e amizades moi achegadas como Marga do Val e Marica Campo, Cándido Pazó (o intérprete de Balbino nos escenarios), Vítor Freixanes, David Otero, Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüistica), Beatriz Corral (da Área de Normalización da Deputación da Coruña), entre outras moitas personalidades.
Cando o Concello de Burela aprobou por unanimidade o Modelo de Planificación Lingüística, D. Xosé Neira Vilas foi un dos primeiros intelectuais que aplaudiu a iniciativa desde a columna que mantiña no xornal da capital de Galiza. Posteriormente, en 2011 estivo en Burela e Cervo para participar activamene na xornada "Neira Vilas, escritor Modelo Burela por un día".
Así se anunciaba o evento no boletín informativo do Instituto Perdouro:
O autor das Memorias dun neno labrego manterá encontros co alumnado de centros educativos de Burela e Cervo
O escritor Xosé Neira Vilas coñeceu a existencia do Modelo Burela de Planificacion Lingüística ao visionar o audiovisual do mesmo título, do que é autor Matías Nicieza. O escritor recibiu unha copia do documental no transcurso da última Feira do Libro de Foz e posteriormente tomou a iniciativa de localizar o seu director para transmitirlle persoalmente os parabéns.
Agora, grazas a Asociación Cultural “Os Matos” do IES Perdouro -de quen partiu a iniciativa-, Xosé Neira Vilas e Matías Nicieza coñeceranse persoalmente, e o escritor compartirá unha xornada co alumnado de Burela e Cervo.
O conxunto das actividades celebrarase durante a mañá e a tarde do próximo martes, día 3 de maio, cunha axenda moi apretada. O autor das Memorias dun neno labrego chegará a Burela ás 11 da mañá e será recibido no IES Perdouro pola directiva da Asociación Cultural “OS Matos”, así como por delegacións do Concello de Burela e dos centros educativos participantes nos encontros.
Seguidamente, manterá un encontro co alumnado do IES Monte Castelo, actividade que está coordinada polo profesor Fernando Gavín Bouso.
Ás 12:30, na Biblioteca do IES Perdouro, Neira Vilas disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 2º de bacharelato, participando tamén nesta actividade alumando do IES Monte Castelo. Neste acto o escritor estará acompañado por unha representación da área de Innovación Educativa coordinada pola profesora María Xosé Andión Fontela.
Para as 14:15 h. está previsto un xantar de confraternidade entre o alumnado, o profesorado e o escritor. Celebrarase no “Mesón do Poeta”, onde Neira Vilas saudará o seu fundador -un dos protagonistas do documental “Modelo Burela”.
Ás 15:30 h. o escritor visitará o CEIP de Cervo e asinará exemplares das súas obras aos seus lectores máis novos.
EXPOSICIÓN
Con motivo da visita de Xosé Neira Vilas, a Biblioteca Pública de Burela ten aberta unha exposición bibliográfica da obra do escritor de Vila de Cruces. Esta exposición está situada na planta baixa do local e pode ser visitada libremente durante o horario de abertura da biblioteca.
Nos primeiros días de marzo de 2015, foi unha delegación Modelo Burela de Interculturalidade quen se deslocou á sede da fundación que leva o nome do escritor para acompañalo e recibir a súa atención directa. Desa visita demos cumprida conta nas nosas redes sociais e no blogue de Proxecto Neo.