18/08/17

NON HAI BARREIRAS QUE NON SE PODAN SUPERAR

Sara Gil en Compostela en plena sesión de traballo de produción para o Grandes Voces. Neste caso, con Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus



Ilusión. É a primeira palabra que se me vén á cabeza cando penso nos proxectos que se están a desenvolver nesta grande aventura. Tamén é o primeiro sentimento que me invadiu cando se me propuxo colaborar, aportando o máis pequechiño dos grans de area, neste universo do Grandes Voces.

Universo, si. Queda curto o nomear países, persoas ou territorios. O Grandes Voces medra peseniño, mais abordando non só música, senón emocións; non só artistas, senón vidas; non chegando só aos ouvidos do público, senón aos seus corazóns.

Grazas a todos e todas os que fixéstedes posible que saísen de min palabras para relatar esta sorte. Risos coas historias dos músicos e cantantes; bágoas con cancións profundas; bailes cos ritmos máis movidos e, sobre todo, dozura cando se me fala de vós, da radio, e de todo o traballo que hai detrás.

A miña forma de expresar estas liñas é dende o máis fondo de min, dende o puro sentimento, dende a esencia máis miña... Pero non vexo outra forma de facelo. Dende que estiven en contacto con esta iniciativa educativa, non fixen máis que aprender. Sempre me abriu as portas de todas as iniciativas que podían axudarme a medrar, profesionalmente e como persoa, que é o máis importante... E así foi, como tamén da súa man, puiden chegar ás ondas que guía Marco Pereira. Para el, tamén teño palabras de agradecemento. Por demostrar que non hai barreiras cando se desexa facer algo, por poñer os puntos nos íes cando se trata de facer ver que, se está onde está, é porque pode, porque se implica con todo o traballo que conleva. Non quedan atrás as palabras para Silvera, Edilson, Karina, Gabriel, Lucía, Matías e a moitos outros e outras, sen os que este barco non tería rumbo.

A todos os que se deixaron ser entrevistados, a todas as músicas que soaron nestes moitos programas: agradecemento, tamén. A produtores, cantantes, músicos, colaboradores, profesores, alumnos, e demais corazóns que se abriron para este equipo. Que me permitiron soñar e seguir crendo na bondade e no bo facer.

Grazas por deixarme colaborar, vivir, aprender e demostrar. Con traballo sempre se chega ao éxito, e se algo demostra este equipo é que o esforzo é recompensado.

Sem comentários:

Enviar um comentário