16/09/17

MODELO BURELA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE. FIN DE ETAPA (2014-2017)

Bernardo Penabade

Burela é unha localidade duns 10.000 habitantes con case medio centenar de nacionalidades diferentes. Esa heteroxeneidade social maniféstase, obviamente, nos centros de ensino. Así, por exemplo, entre o alumnado do IES Perdouro unha porcentaxe do 20% naceu noutro país.
Tradicionalmente, as necesidades educativas destes alumnos e alumnas atendéronse con reforzos convencionais pensados para alumnado autóctono con problemas de aprendizaxe ou con problemas de conduta ou mesmo atendéronse nas aulas de Pedagoxía Terapéutica. Os resultados eran estes: o alumnado de procedencia inmigrante concentrábase nos dous primeiros cursos de ESO e na FP Básica, vía reducida notabelmente a porcentaxe en 3º e pasaba a ter presenza testemuñal en 4º, nos ciclos superiores e no bacharelato.
Neste contexto comezamos a traballar con obxectivos transformadores. Conscientes da dificultade de conseguir cambios substanciais impulsados polo claustro e o consello escolar, confiamos na forza da pedagoxía e planificamos unha intervención "desde abaixo" con media ducia de destinatarios principais: 1) o propio alumnado en risco de exclusión social; 2) as súas familias; 3) o equipo directivo do centro; 4) a Comisión Pedagóxica; 5) o conxunto do profesorado; e 6) a administración educativa.
Mes a mes e curso a curso, fomos completando e mellorando un protocolo de actuación e fomos "afinando" a metodoloxía didáctica específica para este tipo de alumnos e alumnas. Ao mesmo tempo, consolidamos un grupo de seis profesionais con compromiso decidido con esta iniciativa. Tíñamos sentado as bases dunha escola inclusiva e transformadora e os resultados positivos ían agromando.

Mais a "a intervención pedagóxica desde abaixo" fracasou: a administración eliminou os mínimos recursos con que a dotara (tres medias xornadas) e a comunidade educativa non soubo defender a conquista.

Fin dunha etapa.

O "Modelo Burela de Atención á Diversidade" explicado
en sete minutos (5:00 a 12:04)

3 comentários:

  1. Penoso, lamentable e incomprensible.

    ResponderEliminar
  2. Con canta dor leo esta triste noticia. Parabéns por todos os esforzos realizados que beneficiaron durante estes anos o alumnado e que foron un exemplo para todos nós de bo facer pedagóxico.

    ResponderEliminar