15/04/23

OS VILARES DE GUITIRIZ ACOLLEN INICIATIVA DE EDUCACIÓN SOCIAL AO ESTILO MODELO BURELA

Como resultado da colaboración de tres entidades (Os Vilares, Lareira de Soños; Asociación Cultural Xermolos; e Modelo Burela), a Casa Habaneira da Conchada -situada na parroquia guitiricense dos Vilares- acollerá ás seis da tarde deste próximo domingo 16 de abril unha iniciativa de educación social sobre a localización, catalogación e estudo de patrimonio documental relacionado cos rituais funerarios.

Os actos comezarán coa presentación dun traballo realizado polo escritor e artista plástico Raúl Río sobre a igrexa e o cemiterio da localidade. Antes da proxección dunha serie de fotografías comentadas polo autor, intervirán Alfonso Blanco, en representación de Xermolos; Bernardo Penabade, do Modelo Burela; e o cura párroco Alejandro Piñón Espasandín.

A segunda parte da actividade consistirá nunha visita guiada ao cemiterio. Actuará como guía Raúl Río, acompañado por representantes de varias familias, que ofrecerán testemuños directos diante das lápidas obxecto de estudo.

Cartaz anunciador da xornada



Colaboración ente a escola e as entidades sociais


Para ser cualificada como Modelo Burela, unha intervención educativa necesariamente debe estar centrada nun aspecto que poña en relación a cultura e a economía do ámbito local. A sesión debe contar coa participación de diferentes axentes sociais e reunir un público variado, de diferentes xeracións. Aínda hai máis: as explicacións teóricas ofrecidas nun espazo interior teñen que completarse coa observación directa no exterior.

Un operario industrial xubilado, que desenvolveu a súa vida laboral no País Vasco; dous sacerdotes, un deles cunha prolongada traxectoria de dinamización sociocultural (1976-2023); e un pedagogo centrado no fomento do diálogo intercultural desde a escola serán nesta ocasión os encargados de poñer a andar esta singular iniciativa de educación social. Inmediatamente despois, o protagonismo será para as familias da parroquia, cuxas intervencións darán sentido ao programa de actividades.

Educación dentro e fóra dos recintos educativos

Cúmprense agora 20 anos desde que a iniciativa educativa Modelo Burela planificase unha actuación de dinamización cultural e económica no ámbito local. Despois dunha fase de diagnóstico realizada entre a poboación de Burela, o seguinte paso consistiu nun traballo de campo: a localización de dez tipos de documentos relacionados coa vida diaria (correspondencia privada; invitacións de cerimonias; contratos; comunicacións comerciais; actas de reunións ou mesmo testamentos) foi seguida dun proceso de catalogación e unha posterior exposición na Casa da Cultura. Todo co obxectivo conseguir un ensino-aprendizaxe participativo e vinculado á realidade no espazo e no tempo. A redacción e aprobación do articulado da planificación lingüística municipal, a posta en marcha dun programa de atención á diversidade do alumnado en risco de exclusión social e o aproveitamento da radio como ferramenta educativa a través do programa Proxecto Neo (2012-2023) foron importantes pasos de ampliación, que complementaron o primeiro proxecto.


Despois da adaptación a outros lugares da Mariña -entre eles, os termos municipais de Ferreira do Valadouro e O Vicedo e a localidade de Rinlo, en Ribadeo-, o Modelo Burela propúxose estudar os vínculos entre a literatura e o desenvolvemento cultural e económico do seu ámbito de influencia. Para iso realizou viaxes de estudo ás localidades natais de varios escritores, entre eles: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá), Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras); Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces); e Xosé María Díaz Castro (Guitiriz).


Unha vez que a intervención educativa Modelo Burela se fixou nos recursos patrimoniais da parroquia dos Vilares (escultura dedicada a Díaz Castro; Igrexa parroquial; cemiterio; castro; etc), Raúl Río realizou un profundo traballo consistente na recollida de información e na preparación de fotografías, no contacto coas familias e na redacción das explicacións que acompañan as imaxes. A colaboración das asociacións Os Vilares Lareira de Soños e Xermolos supón alcanzar a transversalidade, unha das características fundamentais das actuacións Modelo Burela.

Reivindicación

Xunto co estudo sobre o uso da linguaxe literaria popular ou autorial na composición de epitafios; ou sobre a escolla entre o galego, o castelán, o latín ou as linguas dos destinos da emigración (francés, alemán, italiano...), este acto ten tamén unha vertente de estudo da Historia contemporánea e tamén de reivindicación da convivencia entre culturas.

A pesar de que existen casos contados de uso da lingua galega nas notas necrolóxicas e nas inscricións funerarias desde o inicio da transición democrática, aínda no presente existe unha inercia social a superar tanto á hora de editar en galego as esquelas (máis as do momento da morte que as de aniversario), de realizar no noso idioma os oficios litúrxicos ou de preparar as mensaxes de recordo nas lápidas. Ese divorcio entre as expresións oral e escrita é ainda maior nas identificacións de propiedade dos panteóns dos cemiterios: para alén da súa redacción patriarcal -aínda que agora nalgúns consta a identificación da familia ou do lugar (Casa do Coto; Familia do Pereiro), o habitual é que se identifiquen por nomes de varóns-, só un 1 por mil usan palabras como “propiedade”, “muller” ou “fillos”, que parecen como proscritas.

Se a media xeral do uso da lingua galega nas inscricións funerarias está no 1%, por que razón nos Vilares se multiplica por 10? Se no ámbito urbano de Guitiriz está na mesma porcentaxe, por que en Parga é algo inferior e en Tras-Parga, xusto ao lado, non chega ao 2%? Cal é o perfil das persoas que compoñen esta literatura? Como se fixo o paso do máis absoluto nada a un 10%?

Unha das metas da xornada do 16 de abril é ofrecer as respostas a todas estas e cantas outras preguntas aparezan durante o desenvolvemento da sesión.


OUTRAS INFORMACIÓNS

Reportaxe de Cristina Pérez para El Progreso (disponíbel en: https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/lembranzas-galego-cemiterio-vilares/202304122136441656100.html)


Audiovisual preparado por Matías Nicieza:






Sem comentários:

Enviar um comentário