28/03/25

LINGUA E CULTURA PARA NEOFALANTES NA ESCOLA DE ARROXO




Carlos é de Madrid e agora retornou á fonte das súas raíces en Lourenzá. En Madrid tamén naceron José Manuel, que vive en Riotorto, e Fátima, que se asentou na Ponte Nova, da mesma maneira que o fixeron noutras localidades da Mariña a brasileira Cláudia, a romanesa Mirela ou o arxentino Juan Carlos.

Como medida de cohesión social, todas estas persoas tomaron a iniciativa de facer inmersión na cultura galega. Para iso reúnense cada sábado ás cinco da tarde na escola de Arroxo, entre Lourenzá e Mondoñedo, e todos os mércores ás 10 da noite virtualmente a través de teléfonos e ordenadores, coa orientación de Bernardo Penabade. Como complemento, apóianse diaria e mutuamente a través dun grupo de whatsapp e acuden á axuda do profesor na casa: a famosa páxina www.ogalego.eu, de Anxo González e Vitoria Ogando.

Cartaz anunciador do curso
Despois dunha fase inicial de formación teórico-práctica, comezan o proceso de inmersión social en colaboración con diferentes entidades. O primeiro lugar de reunión fóra da Escola de Arroxo foi a Casa da Penela, un establecemento de turismo rural de Vilamor (Mondoñedo). Seguidamente, viaxaron a Barreiros para participar nun foro sobre desenvolvemento, que contou coa participación de Alba Díaz Geada, profesora de Historia Contemporánea na USC; promoveron un encontro de neofalantes celebrado na Finca Galea; e recibiron a visita do profesor e escritor Carlos Taibo, que presentou os seus libros sobre a Teoría do Colapso e o decrecemento. 

Este sábado, 29 de marzo, ás 16:30 horas, o grupo trasládase ao Museo Provincial do Mar de San Cibrao para desenvolver unha sesión aberta ao público. Será unha oportunidade para dar a coñecer esta iniciativa de aprendizaxe, compartir os traballos de investigación que están a realizar e visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle unha selección de fotografías de epitafios.


Con motivo da súa pasaxe pola Mariña para participar na presentación das súas últimas obras, o escritor Carlos Taibo visitou a Escola de Arroxo. Primeiro mantivo unha tertulia co grupo do curso e outras persoas convidadas; e, finalmente, plantou un loureiro como recordo.

REFERENCIAS

Encontro na Finca Galea: https://www.cronica3.com/2025/02/encontro-de-neofalantes-este-domingo-na-finca-galea/
Encontro no Museo do Marhttps://amarinaxa.com/news/o-museo-provincial-do-mar-acolle-a-diversidade-linguistica-cunha-sesion-aberta-de-galego/93672/
Entrevista a Carlos P. Garcés: https://amarinaxornal.gal/cultura/115576-carlos-pascual-neofalante-eu-xa-lia-en-galego-a-manuel-maria-ou-a-cunqueiro/
Entrevista a Fátima Mayorga: https://amarinaxornal.gal/oriental/a-pontenova/115692-fatima-mayorga-o-mais-destacable-para-min-e-a-falta-de-tempos-compostos-en-galego/
Entrevista a Manuela Sáez: https://amarinaxornal.gal/cultura/115297-manuela-saiz-neofalante-do-galego-chamoume-a-atencion-a-ausencia-de-tempos-compostos/
Entrevista a Juan Carlos Porcel: https://neofalantes.gal/juan-carlos-neofalante-de-cordoba-arxentina-os-nenos-non-queren-falar-galego-e-iso-e-un-problema/

Sem comentários:

Enviar um comentário