27/05/10

Premio da Fundación Lois Peña Novo para o "Modelo Burela"

A Fundación Lois Peña Novo ven de premiar ao Concello pola súa divulgación do galego a través do denominado Modelo Burela. O galardón será entregado nun acto previsto para o vindeiro 30 de xuño no Castelo de Soutomaior.

O alcalde, Alfredo Llano, sinala que “recibimos con grande ledicia a comunicación da secretaria da Fundación Lois Peña Novo para outorgarlle ao Concello un premio á política de interculturización de numerosas comunidades internacionais asentadas en Burela. Din que é unha experiencia pioneira e modélica para o restos dos concellos galegos inmigrantes de distintas procedencias e culturas”.

O rexedor engade que “a política lingüística do Concello de Burela, que se desenvolve sen conflictos a partir dunha pedagoxía nas escolas municipais, fixo posible que o 81% da poboación fale galego en Burela. Na Fundación louban que os grupos políticos do Concello respaldemos por unanimidade esta política de integración. O que se fixo aquí foi dar este premio polo denominado Modelo Burela que nace no IES Perdouro, no que están representadas todas as comunidades asentadas aquí”.

Llano asegura que o premio foi “unha sorpresa moi grata. Recollerémolo no Castelo de Soutomaior o 30 de xuño, representantes do Modelo Burela, do IES Perdouro, do Concello e algunha persoa máis que nos queira acompañar. Noraboa a todos os que participan nesta iniciativa”.

12/04/10

Actividade de inmersión lingüística no inglés

Os alumnos de 2º de bacharelato tiveron a oportunidade de coñecer a Anik Nandi, sociolingüista da Bengala do oeste, que está a realizar a tese doutoral na universidade de Santiago de Compostela, e aprender acerca das sociedades plurilingües e as linguas minoritarias. Anïk comparou o contexto sociolingüístico de Galicia coa diversidade lingüística do seu país natal. Entre outros idiomas, en Bengala úsanse frecuentemente bengalí, hindú, sánscrito e inglés. Ó final do debate e tras responder ás preguntas do alumnado, Anïk regalounos unha tarxeta con cada un dos nosos nomes en bengalí, o que permitiu que a súa intervención tivese un carácter máis informal. Encantounos a todos!O galego e o inglés foron as linguas empregadas durante este acto, tanto por parte dos alumnos como por parte de Anïk. Quedou claro que o inglés é fundamental para expresarse a nivel internacional, mais que tamén debemos estar orgullosos do galego, a lingua materna. A diversidade de linguas é tan importante como a biodiversidade. Esta foi unha actividade de inmersión no inglés, na que os alumnos non só escoitaron a Änik expresarse en inglés senón que lle fixeron preguntas neste idioma. Por outra banda, esta actividade fomentou a competencia multilingüe cando o conferenciante describía algunhas das tradicións culturais do seu país.

25/03/10

Un lingüista hindú participa en obradoiros de inmersión en inglés

Como resultado da colaboración dos institutos Perdouro de Burela e San Rosendo de Mondoñedo co Concello de Burela, o próximo venres (día 26 de marzo) estará na Mariña o sociolingüista hindú Änik Nandi co obxectivo de participar nuns obradoiros de inmersión na lingua inglesa dirixidos a alumnado preuniversitario.
O investigador bengalí, acompañado pola burelesa Antía González Ben (Premio Extraordinario de Fin de Carreira na Facultade de Ciencias da Educación e Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia), estará primeiro en Mondoñedo (10:00 h), onde realizará a actividade baixo da coordinación da profesora María José Cuesta (directora do centro). Posteriormente, ás 12:35 h. desprazarase a Burela e no IES Perdouro participará nun coloquio moderado pola profesora María Dolores Prieto, do Departamento de Lingua Inglesa.

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Änik Nandi (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante galego) e Antía G. Ben (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e oriental, xa relacionadas entre si desde a noite dos tempos do século XVI.

MÁIS INFORMACIÓN:

1) Referencias:

2) Planificación das actividades feita pola profesora María Dolores Prieto:

Divididos en grupos de 4 ou 5, os alumnos recollen datos sobre 9 apartados:

Biografía de AniK : nome, orixe, familia e educación.
Carreira e acontecementos significativos
A India e a súa realidade.
Temas sociolingüísticos:
  • Paralelismo entre a Bengala do Oeste e Galicia
  • Literatura
  • Arte
  • Celebracións
  • Discusión sobre dúas afirmacións que lles chocaron :

A FOLCLORIZACION DOS IDIOMAS MINORITARIOS
A DIVERSIDADE LINGÜISTICA E IGUAL DE IMPORTANTE QUE A BIODIVERSIDADE
DEBATE FINAL PEDINDO A ANIK SUXERENCIAS SOBRE AS MEDIDAS QUE PODEMOS TOMAR PARA PROTEXER AS LINGUAS MINORITARIAS.”

3) Biografías:

Anik Nandi

Naceu o 19 de setembro de 1981 en Burdwan, vila pertencente á rexión india de Bengala Occidental. Estudou dende os tres aos dezaseis anos no colexio público Burdwan C. M. S High School e, a continuación, estudou no Burdwan Town School, tamén público. Durante estes anos, a súa lingua materna e mais a primeira lingua da súa educación foi o bengalí, e posteriormente aprendeu inglés como segunda lingua e o hindi como terceira lingua.

Entre os anos 2000 e 2005 estudou un grao e mais un mestrado en Filoloxía Inglesa en The University of Burdwan, e ao rematar estivo impartindo docencia durante un ano nesa mesma universidade.

No ano 2007, Anik veu a Galicia a través dun intercambio cultural e ficou enormemente atraído pola nosa terra e pola nosa lingua. Por iso, decidiu solicitar unha axuda ao Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado español e quedar aquí a realizar os seus estudos de terceiro ciclo sobre a área de Lingüística, na Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente está a elaborar un Traballo de Investigación Tutelado, paso previo para a realización da tese doutoral. Anik compatibiliza esta actividade académica co traballo de profesor de comunicación en inglés no Centro de Recursos de Idiomas da mesma universidade, e a asistencia a numerosos cursos e xornadas, tanto en calidade de poñente como de asistente.

Por último cómpre dicir que Anik posúe así mesmo un diploma de español de nivel C1 expedido pola Universidade de Vigo, un diploma de galego nivel A2 expedido pola la Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e mais un certificado de asturiano de nivel elemental expedido pola Academia de la Llingua Asturiana.

Antía González Ben

Naceu en Burela o 17 de novembro de 1988. É filla de Toño, un mariño mercante e de Beni, una traballadora da fábrica de cerámica de Sargadelos (que tivo que abandonar no ano 1991 por mor dunha enfermidade laboral).

Estudou educación infantil no Parvulario da Igrexa, educación primaria no CEIP Vista Alegre e educación secundaria (ESO e Bacharelato humanístico) no IES Monte Castelo, todos eles públicos e emprazados na súa vila natal. Obtivo o Premio Extraordinario de Bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia e o Premio de Excelencia Académica para o alumnado que inicia estudos universitarios no Sistema Universitario de Galicia.

A continuación, cursou a titulación de Mestre, especialista en Educación Musical na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira da Facultade de Ciencias da Educación e o Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade está a cursar o segundo ciclo da titulación de Licenciatura en Pedagoxía.

Cursou tamén estudos musicais coa especialidade de violín na Escola Municipal de Música de Burela e mais no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba. É membro activo da Orquestra de Xove e recentemente obtivo o título de Patroa de Embarcacións de Lecer.

María Dolores Prieto González (Viveiro; 1961)

É licenciada en Filoloxía Xermánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Componente do Seminario de Lingua Inglesa no IES PErdouro, é un dos exemplos do “Modelo Burela” de planificación lingüística. Filla de galegos das parroquias de San Pedro e Valcarría (Viveiro), recibiu a educación primaria e parte da secundaria en Francia, de xeito que considera linguas propias o galego, o castelán, o francés e o inglés.

19/03/10

A longametraxe "Proxecto Burela" preséntase o xoves en Viveiro

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio presenta o xoves, día 25 de marzo, a longametraxe “Modelo Burela” no Salón de Caixa Galicia ás oito e media. Posteriormente celebrarase un coloquio.

Mariñapatrimonio presenta o video “PROXECTO BURELA” en Viveiro

A Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio presentará o vindeiro xoves, día 25 de marzo, a longametraxe dirixida por Matías Nicieza sobre o “Proxecto Burela”*
Esta proxección terá lugar no Salón de Caixa Galicia en Viveiro e dará comenzo ás oito e media da tarde. Os asistentes a este acto  poderán participar no coloquio posterior no que intervirán, entre outros, o director do documental, Matías Nicieza e o profesor Bernardo Penabade

* Tras catro anos de traballo didáctico (2005-2008) planificado polo IES Perdouro, os primeiros resultados están xa patentes e son moi alentadores. O instituto realizou un Proxecto de Innovación dirixido a todos os sectores sociais da localidade co obxectivo de localizar documentación escrita, realizar un Arquivo Documental -tamén con versión electrónica- e ofrecer ao público un banco de modelos documentais útiles para a vida diaria (convites, recordatorios, actas, documentos notariais, publicidades.). O citado proxecto é o único de Galicia premiado por terceira vez consecutiva pola Consellería de Educación (2006/2007/2008).

En relación con este traballo de dinamización social, produciuse o documental “Modelo Burela”, dirixido polo realizador cinematográfico Matías Nicieza, con 52 entrevistas a persoas da rede social creada.

En Burela, o Instituto Perdouro realizou unha Intervención Educativa destinada á comunidade escolar e, por extensión, ao conxunto da poboación da localidade. Alumnas e alumnos botáronse á rúa na procura dos típicos documentos que hai en calquera casa. Así, pouco a pouco, foron aparecendo textos con grande valor sentimental: convites de celebracións, documentos notariais, publicidades comerciais, actas de reunións das comunidades veciñais, correspondencia privada, recordatorios de comuñóns e incluso notas necrolóxicas

10/03/10

Un sociolingüista hindú, bolseiro na Universidade de Santiago, interesouse polo Modelo Burela

Entre os días 25 e 28 de marzo, o sociolingüista hindú Änik Nandi participou en Burela no desenvolvemento do singular proxecto de planificación lingüística impulsado polo Concello. Bolseiro do Ministerio de Asuntos Exteriores do Goberno de España, Nandi coñeceu o Modelo Burela de Planificación Lingüística nas aulas da Universidade de Santiago, onde realiza estudos de doutoramento baixo a dirección do profesor Henrique Monteagudo, e decidiuse a coñecer “in situ” tanto aos impulsores da política lingüística aglutinante como a realidade social da vila.

Acompañado por Antía González Ben –Premio Extraordinario de Diplomatura da Comunidade Autónoma-, Nandi participou –durante toda a mañá do venres día 26- no Instituto Perdouro nun obradoiro de comunicación dirixido ao estudantado do segundo curso de Bacharelato, a quen presentou en idioma galego a realidade cultural e social do estado de Bengala e da República da India. Seguidamente, usando o inglés respostou aos mozos e mozas numerosas preguntas relacionadas co seu coñecemento da cultura e as tradicións galegas.

Durante a tarde coñeceu a infraestrutura cultural de Burela, entrevistándose con algúns dos seus protagonistas, entre outros con Roberto Bouça, profesor da Escola de Música e Director da Banda de Música de Burela e con Rosana Valle, presidenta do Colectivo Cultural Buril. Ás 20:00 horas asistiu ao acto de inauguración da exposición Galería Burela, onde departiu cos artistas presentes e aproveitou para saudar á presidenta da Asociación de Veciños, Teresa Pardo Correa. A responsable de O Vencello aproveitou para darlle a benvida á localidade, ao tempo que o felicitaba pola brillantez do seu uso lingüístico en idioma galego. Desexoso de coñecer máis en profundidade o ambiente da localidade, Nandi aínda se sentiu con forza para asistir á representación da peza teatral Shakespare para ignorantes, posta en escena por Quico Cadaval e o grupo Mofa&Befa. Os artistas, con quen mantivo un encontro, dedicáronlle a función.
Recepción no Concello

Ás 12:30 da mañá do sábado día 27, Änik Nandi foi recibido oficialmente pola corporación municipal de Burela. No acto, presidido polo alcalde, Alfredo Llano, participaron tamén Lucía Bouza, Neves Cando, Xosé González Legazpi, Luís Miguel Pedre e Matías Nicieza, que lle agradeceu as referencias á longametraxe Modelo Burela. Despois de degustar as delicias gastronómicas do Cantábrico, Änik Nandi coñeceu diversos puntos de interese turístico na compaña dunha comitiva encabezada por Xosé González Legazpi, concelleiro de Turismo.

Na recepción no Concello Nandi dixo que “penso que cada lingua ten o seu propio valor e que é un dos elementos máis definitorios da cultura dun pobo. Alén de principal mecanismo de comunicación entre as persoas, as linguas serven tamén para transmitir as emocións, as intencións e sobre todo os valores sociais, encontrándose por isto ligadas a procesos de construción de identidades colectivas. Consecuentemente, as linguas reflicten o núcleo cultural das comunidades que as falan. A través delas transmítense de xeración a xeración a memoria colectiva, as anécdotas, as tradicións, os mitos, os coñecementos e os valores máis profundos”.

Änik Nandi sinalou que “unha lingua serve para transmitir a cultura do pobo que a fala, mais tamén nos axuda aos que vimos de fóra a aproximarnos dun xeito máis profundo á cultura desta terra. Eu son dos que pensa que coñecer unha comunidade sen coñecer a súa lingua, é como coñecer unha persoa sen coñecer a súa alma”.

01/03/10

O proxecto de planificación lingüística “Modelo Burela” programou un faladoiro cunha docente mozambicana

A profesora mozambicana Maria Helena Fidalgo de Lemos, docente do Departamento de Artes no IES Monte Castelo, participará nun faladoiro co alumnado de Lingua Portuguesa do IES Perdouro o próximo martes, ás 12:35 horas do día 2 de marzo. Descendente dunha familia orixinaria de Goa (un dos territorios de fala galego-portuguesa na India), a profesora Fidalgo de Lemos naceu en Lourenzo Marques (actualmente Maputo) en Mozambique, país onde realizou os seus estudos primarios e secundarios, que máis tarde completou coa formación superior na Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto.
Ademais de coñecer de primeira man o seu perfil biográfico, o alumnado do IES Perdouro poderá visionar a extensa produción artística da profesora Fidalgo de Lemos e manterán un coloquio sobre a obra “Resistencia”, da escritora galega Rosa Aneiros, centrada no tránsito á democracia en Portugal e a súa influencia na descolonización dos países da África lusófona.

A actividade, enmarcada dentro do apoio á difusión das linguas internacionais conforme ao Modelo Burela, está coordinada pola profesora Miruca Parga, docente de Lingua Portuguesa, materia optativa en Bacharelato ofertada desde hai 5 anos no IES Perdouro.

20/02/10

Modelo Burela de integración.

Conferecnia de Bernardo Penabade Rei - Coordinador do modelo de planificación lingüística de Burela


Xornada adicada ao coñecemento da realidade lingüística do mundo e, en concreto, de Galiza e de Vigo, que dicir, as novas linguas e culturas que chegaron até nós grazas á chegada de persoas estranxeiras á nosa cidade. Tamen coñeceremos máis polo miúdo a planifiación lingüística e integración social desenvolvida en Burela, coñecida como o “Modelo Burela”.

30/01/10

Xornada formativa para o profesorado encargado do desenvolvemento dos proxectos de innovación lingüística premiados

Sábado, 30 de Xaneiro de 2010

XORNADA  FORMATIVA  PARA O PROFESORADO ENCARGADO DO DESENVOLVEMENTO DOS PROXECTOS DE INNOVACIÓN LINGÜÍSTICA PREMIADOS.

Lugar: IES As Fontiñas, Santiago de Compostela

PROGRAMA

10:00- 10:20h

Recepción e entrega de material

Apertura da xornada polas autoridades correspondentes

10:20- 11:00h

A dinamización lingüística nos centros de ensino. Estratexias básicas do dinamizador.

Anxo M. Lorenzo Suárez

11:00- 12:00h

Competencia en comunicación lingüística e innovación

Felipe Zayas (Catedrático de Educación secundaria. Profesor de Lingua castelá e Literatura no IES Isabel de Villena, de Valencia)

12:00- 12:30h

Pausa e almorzo

12:30-14:00h

Competencia en comunicación lingüística e competencia dixital

Felipe Zayas (Catedrático de Educación secundaria. Profesor de Lingua castelá e Literatura no IES Isabel de Villena, de Valencia)

16:00- 19:00h

Presentación dos 11 proxectos premiados e das medidas que xa se están levando a cabo en cada un dos centros.

27/01/10

O proxecto «Modelo Burela» interesa en Vigo e incluso en Madrid, La Voz de Galicia

Artigo publicado pola Voz de Galicia (27/01/2010)

O proxecto «Modelo Burela» interesa en Vigo e incluso en Madrid

Vigo interésase polo "Modelo Burela"

Mércores 27 de Xaneiro de 2010

Posta en común do Proxecto de Innovación Lingüística do I.E.S. Perdouro con dúas representantes de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. No programa preparado para esta visita que se achega noutro arquivo mostrarémoslles algunhas das actividades xa feitas en anos anteriores e entregarémoslles material tanto audiovisual como escrito do Proxecto. Será o primeiro contacto entre os dous Concellos para compartir.
MÉRCORES, 27 DE XANEIRO DE 2010 - PROGRAMACIÓN  “PROXECTO BERBÉS”

(O nome de “Proxecto Berbés” ocorréusenos porque hai algo que nos une: O MAR. E dase a casualidade de que tanto unha parte do porto de Burela como o de Vigo reciben o nome de Berbés)

10:00-11:15: Visita ao cemiterio parroquial coa presenza do cura párroco Don Ramón Marful e do profesor de Relixión do I.E.S. Perdouro, Antón Niñe.

11:15-11:45: Recepción no I.E.S. Perdouro.

Acto de benvida no que interviremos brevemente Juan Sama (Director do I.E.S.), Marta Souto, a Concelleira de Normalización Lingüística de Burela e a Coordinadora do Proxecto de Innovación Lingüística do I.E.S Perdouro.

Neste acto farémoslles a entrega das diferentes memorias audiovisuais e escritas feitas ao longo destes anos que levamos traballando no Proxecto.

11:45-12:35: Bernardo Penabade exporá a metodoloxía de traballo que se seguiu e que se está a seguir para facer o Proxecto.

12:35- 13:30: Visita á Escola Infantil de Burela, unha das  máis antigas de Galicia e que leva aplicando o Modelo Burela dende os seus inicios, agora feito realidade e dado a coñecer polo noso Proxecto.

14: 00: Recepción no Concello.

14:30- 16:30: Comida no restaurante Miranda onde poderemos entrar no mundo do deseño da man de Xosé Miranda e no mundo audiovisual con Matías Nicieza, productor do Modelo Burela

02/05/09

Burela presenta un exitoso modelo que promove tres idiomas - a Voz de Galicia

Burela presenta un exitoso modelo que promove tres idiomas - na Voz de Galicia do 03/05/2009

http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2009/05/02/0003_7690591.htm