Vouvos facer partícipes da miña viaxe por Turquía. Todo comezou hai uns anos en Bulgaria. Fixera unha viaxe para participar nun encontro de música a celebrar na cidade de Sofía por iniciativa dun proxecto europeo. Nesa viaxe fun co meu amigo Juan, tamén músico-terapeuta, con quen comparto iniciativa de músico-terapia en Asturias.
Estando en Bulgaria, Juan coñeceu unha moi linda rapariga turca chamada Ceren e o que parecía ser un romance de Erasmus+ continuou no tempo e chegou á celebración dunha voda en Ankara.
Considérome un pouco responsábel desa relación xa que fora eu quen convidara o amigo Juan a vir comigo a aquel encontro de emprendemento social e de cultura sustentábel celebrado en Bulgaria.
A voda foi moi divertida, con moita música en directo e moito baile, e observei diferenzas coas vodas en España. Por exemplo, os noivos comen antes da cerimonia porque despois non teñen tempo. A música e o baile fanse ao mesmo tempo que se fai a comida. Os convidados teñen o costume de dar diñeiro aos músicos mentres estes tocan. Tamén se venden as fotografías da voda no mesmo día.
Este é un dos motivos polos que estou aquí. Tamén porque me gusta moito viaxar e quería coñecer a Capadocia, un lugar máxico. Encantoume!!
Agora escribo estas impresións mentres estou no tren camiño de Istambul, onde estaremos uns días.
Coñecín o escritor Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política, nunha conferencia en Vegadeo, un día antes de que participase noutras dúas charlas na Casa da Penela e na escola de Arroxo. En todos estes actos falou de necesidade do decrecemento na nosa sociedade contemporánea e explicou a teoría económica contraria a aquilo que pide o capitalismo: crecer.
En vez de crecer, decrecer: bonita teoría e belas palabras. Así son as utopías. Podemos reducir o gasto nalgúns bens? Seguro que si, mais nun mundo onde todos os países están inter relacionados non é nin será unha tarefa fácil. Quizais en pequenas comunidades sexa posíbel aplicar estas políticas, mais eu non o vexo nun mundo complexo onde o consumo é unha regra fundamental. O profesor díxonos que o decrecemento debería ser unha tarefa xeral, por agora moi afastada: cantos partidos políticos levan estas ideas, estas propostas nos seus programas de goberno?
Dise que a fé move montañas, entón quizais tamén a teoría do decrecemento poda movelas. Creo que ao defender o decrecemento, Carlos Taibo aproxima máis o ser humano á natureza. Iso significa que no futuro coidaremos máis das plantas e das árbores e entón...todos os loureiros -non só o de Arroxo- crecerán máis felices.
Loureiro: condimento, fonte de alimentación natural. Foto: José López de Castro.
Cando encendín a computadora e conectei coa reunión do Curso de galego en liña, a sesión xa estaba comezada e vin que había unha persoa nova, descoñecida. Naquel momento estaba a falar a Fátima, que describía o que hai arredor da súa casa, desde onde escoita o son da corrente de auga do río Eo.
Rapidamente souben que a nova participante no grupo de neofalantes chámase Iris e procede do norte de Italia. Díxonos que o seu primeiro idioma foi o ladino, moi diferente do italiano, e que tamén aprendeu alemán. Despois de vivir en Barcelona, ela e a sua parella había tempo que buscaban unha casa con terra e atopárona en Devesos, unha aldea próxima a Ortigueira. Cerca desa casa hai un centro social con sede nun edificio que albergou a segunda escola laica de Galiza.
Iris ten unha filla e un fillo, que falan con ela en ladino, coa súa parella en catalán e cunha parte da familia materna en italiano. Agora estudan o galego e Iris aproveita a ocasión para aprender ela tamén. Apuntouse nas probas do Celga 2, que prepara pola súa conta e di que necesita practicar a fala. Queixouse de que os veciños esconden a lingua galega cando conversan con ela, salvo un dos directivos da asociación cultural A Devesana que lle facilita a integración na comunidade.
Despois da nosa conversa con Iris, no resto da sesión falouse de hortas. A Fátima ten. O Carlos tamén; e a Andrea, que estudou xardinería, quere poñer en práctica os seus coñecementos, mesmo que sexa nunha bañeira.
Ao final, o mestre avisounos dunha actuación de Sole Felloza en Betanzos e convidounos a acompañalo para coñecer a cidade e para asistir ao espectáculo, organizado con motivo do vixésimo aniversario da asociación Roxín-Roxal.
Cartaz anunciador do encontro de neofalantes organizado pola asociación Roxín Roxal en Betanzos, onde estivo presente a comunidade da Escola de Arroxo.
Espectáculo "onde cabe unha lingua caben dúas", de Soledad Felloza. A gravación corresponde ao encontro LGx15, organizado pola CTNL e celebrado no Teatro Principal en Compostela.
Inauguración das actividades culturais na Escola de Arroxo. O día 1 de xuño de 2021, co confinamento aínda moi presente, celebrouse publicamente a recuperación da escola como centro cultural. A imaxe recolle o momento en que no patio convertido en xardín a alcaldesa Rocío López se dirixe ao público participante.
Carlos Pascual Garcés
Falamos con Rosa Espiñeira Pan. Queríamos saber onde naceu e díxonos que na Coruña. Inmediatamente matizou "son e síntome galega". No momento en que falamos do idioma, comentounos que na súa casa e no seu ámbito familiar e de amizades non se falaba en galego. "Na escola tampouco", enfatizou. No transcurso da conversa lembrouse dunha meniña de Malpica a quen castigaban por falar galego, o idioma que falaba de natural, e afirmou que aquilo lle ficou gravado para sempre: "aínda que non me dera conta daquela, co paso do tempo decateime de que o galego é o meu idioma; e decidín falalo e escribilo".
Despois do preámbulo, decidimos comezar esta entrevista que agora compartillamos coa audiencia. No primeiro plano a Escola de Arroxo e a Biblioteca Maravilhas. Despois o Curso para Neofalantes... e aínda moitos temas máis. Este é o resultado da conversa.
Rosa, cóntanos cando e como xurdiu a idea de montar unha biblioteca nun espazo rural como é Arroxo.
A idea xurdiu cando Michel e eu, de casualidade, demos coa escola nun paseo en dirección a Vila Nova. Pensamos en recuperala e para iso falamos con Rocío, alcaldesa de Lourenzá. Como o edificio levaba vinte anos restaurado, mais vacío de contido, pareceulle boa idea darlle vida e inauguramos a nova etapa o 1 de xuño de 2021. Levabamos xa moito tempo coa idea de facer algo nun lugar pequeno, así que foi unha sorte atoparnos con isto no camiño e nun sitio tan acolledor e fermoso como Arroxo.
O edificio escolar conserva algunha característica do seu pasado?
A escola data de 1959. Onde hoxe hai unha pasarela para acceder á biblioteca, antes había unha escaleira para subir ao que no seu momento era a vivenda da mestra. Digo "mestra" pois semella que por Arroxo non pasou mestre ningún. A estrutura da edificación vén sendo a mesma: na parte de abaixo era a escola propiamente dita e na superior estaba a casa da mestra.
As actividades realizadas na Escola de Arroxo reciben algún tipo de subvención pública ou privada?
O concello facilita o espazo e asume os custos da auga e a luz. Do demais solucionamos como podemos; cando hai algunha actividade, Michel e eu somos os encargados de limpar o local e de montar as mostras; tamén axuda Carlos, asiduo do lugar desde case os comezos; e Eva, veciña de Arroxo, colabora no que sexa preciso. Facémolo dunha forma desinteresada e porque pensamos que, en lugares pequenos, se poden facer cousas estupendas para case todo tipo de públicos.
Ademais da biblioteca, a escola conta cun espazo dedicado ás árbores. Cal é a intención dese espazo?
O Arboretum é un espazo pensado para que haxa onde plantar árbores e que co tempo nesa zona se poida ler, pasear, gozar da paisaxe, da tranquilidade e da beleza nun bosque en consonancia coas persoas que aí queiran estar. Pensouse tamén para que persoas que veñan á biblioteca ou á escola por un feito especial, poidan deixar a súa pegada plantando unha árbore. Ao lado, nunha pedra, poñerase o nome e a data con letras pintadas.
Que tipo de literatura se pode atopar na biblioteca?
Ao ser unha biblioteca persoal e moi particular, hai unha mestura de moitas literaturas e idiomas diferentes (galego, castelán, francés..), moitos libros de arte, ensaio, revistas -Triunfo, Viejo Topo, Ajo Blanco, Luzes, ...-, teatro, novela, contos para nenos e para non tan nenos, banda deseñada, historia… Hai libros para case todos os gustos e pódense mirar, tocar e levar para a casa. Anótase o nome da persoa e do que leva e non se pon un prazo moi curto para a súa devolución.
Ademais da biblioteca, que outras actividades se realizan ou ofrecen nese espazo?
A biblioteca Maravilhas naceu para darlles unha segunda ou terceira vida aos libros. Arredor deles organizamos diferentes encontros e debates coas persoas que consideran que este é un lugar de encontro no que pasalo ben, para aprender e coñecer xente diferente e sempre seguir aprendendo cun mesmo, cos demais e co que se atope nos libros e nas persoas. As actividades son diferentes. Comezamos cunha festa o 1 de xuño de 2022. Nesa ocasión os editores Begoña e Vicente, de Media Vaca (Valencia) doaron á biblioteca os libros que faltaban para completar a colección. Seguimos coa presentación dun cd de Ugia Pedreira, Segmento Cantábrico, combinando intervencións da artista falando e cantando. Tivemos charlas de Gustavo Duch, Jeromo Aguado e Isabel Vilalba sobre "Colapso e mundo rural: reconectar co esencial"; sobre nutrición, con Paz Otero; unha mostra de xilografías de Luís Seoane; "Fóra medo", fotografías de Gonzalo (Carucedo) a xente da Polinesia; reproducións de "Humanos a Roya é um rio", de Baudoin&Troubs, coa presenza de Edmond Baudoin, que fixo un fermoso debuxo nunha das fachadas da escola; unha xuntanza de mulleres, organizada polo Sindicato Labrego Galego; unha mostra de epitafios; e presentacións de libros. Agora estamos no Curso de Lingua para neofalantes, con Bernardo Penabade como mestre. Son cousas feitas por amor ao que se fai e ao por que se fan.
A idea é continar.
Queremos seguir sendo un lugar pequeno no que poder facer cousas pequenas ou menos pequenas e aberto aos que queiran vir e estar. Temos un folleto en que aparecen todas as actividades feitas até o 27 de xaneiro de 2025 e tamén outro folleto en que recollemos algunhas intencións.
Nun dos laterais podemos ver o fermoso debuxo do que falabas antes. Cóntanos que representa.
O fermoso debuxo foi feito por Edmond Baudoin, escritor e debuxante francés de banda deseñada. En xullo de 2023, por casualidades da vida puido vir á escola. Participara en Xixón na Semana Negra, da que é invitado habitual. Aproveitamos a ocasión, convidámolo a vir e aceptou o convite. Foi un luxo. Baudoin é autor de moitas bandas deseñadas, unha delas traducida ao galego (Humanos a Roya é um rio), escrita, debuxada e viaxada con Troubs, outro autor francés. A representación pode ser diferente, depende de quen a mire, máis pode ser danza, movemento vida, ritmo, voo, natureza …
Nunha das salas podemos ver unha colección de gravados con debuxos vinculados á figura de Luís Seoane. Ten algo especial que ver co espírito da biblioteca?
No que era propiamente a escola, a sala de aulas, que está na parte baixa do edificio, facemos normalmente exposicións, pois as paredes préstanse para iso. Na actualidade hai unha mostra das reproducións de diferentes creadores que ilustraron dous libros de Luís Seoane: en 2010 publicouse Poemas alumeados, (leva un poema-prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e cada composición vai ilustrada por un autor distinto, con representación de diferentes países; en 2018 editouse Certezas alumeadas, con prólogo de Isidro Novo, diferentes escritos de Luís Seoane e ilustracións de creadores de orixes diversas).
Estes dous libros saíron como agasallo ao escritor polo día do seu nacemento o 1 de xuño.
Desde 2007 celebrámolo como un día grande para Galiza e o mundo, En 2021 comezou a relación de Seoane con Lourenzá cunha mostra nunca vista na Galiza nin noutro lugar: "Luís Seoane natural". Celebrouse na sala do Concello de Vila Nova e nela puidéronse ver óleos, gravados, libros e catálogos. Foi unha mostra modesta, máis moi completa e sempre co agradecemento a quen a fixeron posíbel. En 2024, con motivo da celebración da data de nacemento da súa compañeira Maruja (un 24 de xaneiro de 1912), celebrouse unha mostra de xilografías do propio Luís Seoane. Na biblioteca Maravilhas hai moito libro e moita información sobre eles. A súa inspiración está no seu compromiso, nos principios polos que loitaron. No primeiro agasallo celebrado na escola de Arroxo-Lourenzá o 1 de xuño de 2021 quedaron só catro libros de e sobre Luís Seoane (Poemas..., Certezas..., Acerca da integración . .. , e Luis Seoane desde a memoria, de Fernández del Riego). O 1 de xuño de 2022 estes libros estaban igual que cando quedaron, polo tanto a biblioteca reúne unhas condicións boas para a conservación dos libros.
Qué personaxes ilustres pasaron pola biblioteca e qué pegada deixaron?
Sen entrar a explicar o que pode ser ou significar "personaxes ilustres", todas as persoas que pasaron e que están a pasar pola biblioteca son persoas ás que se valora, a todas, sen nengún tipo de xerarquía. No folleto pódense ver os seus nomes; tamén no caderno no que van deixando as súas sensacións polo seu paso pola biblioteca Maravilhas de Arroxo-Lourenzá e outros dunha maneira máis visual. Lembro agora o debuxo de Edmond Baudoin; e no Arboretum, a polygala e carballo plantados en 2022 por Francisco Martínez López "El Quico", guerrilleiro berciano moi próximo aos 100 anos; o carballo plantado en setembro de 2023 por Xesús Alonso Montero; os pexegueiros de Cristian Caruncho, con motivo da presentación do seu libro Grandarroiba; e o loureiro de Carlos Taibo, que recorda a súa visita en marzo deste 2025.
Como cres que foi recibida esta iniciativa polos habitantes da zona?
Desde o principio, foron moi receptivos e gostan de que sexa un lugar con vida, participan das actividades que hai. Parécelles ben facer da escola un lugar aberto a todas as persoas solidarias e con ganas de saber e dar a coñecer as súas vivencias.
A Biblioteca Maravilhas acolleu a presentación dun novo disco de Ugia Pedreira. A imaxe recolle o momento en que se dirixen ao público a alcaldesa Rocío López, a dinamizadora cultural Rosa Espiñeira e a artista.
Simón, o noso fillo, veunos
visitar durante uns días e fomos á Coruña para estar con el. Un dos lugares
polos que pasamos foi a “Tahona. O fogar do pan", en Mato-Grande, á
entrada da cidade. Este barrio foi nos anos 90 un grande descampado cheo de felga
e silvas. Aínda lembro pasear co Simoniño polas corredoiras que nos levaban a
Eiris por entre algunhas pequenas leiras moi próximas do camiño de ferro. Case
podo dicir que eran "as ribeiras do camiño de ferro" porque por ali o
tren circula como polo leito dun río.
Esta tafona especial, que
complementa o nome comercial coa explicación de que se trata do fogar do pan,
ten na cidade 7 despachos de pan. A central, o local de toda a vida, onde abriu
no ano 1948 e onde ten os fornos, sitúase na praza de Lugo e nel só despachan
os pans feitos con fariñas de cereais variados e a súa extensa oferta de
pastelaría. Nas outras tendas teñen cafetería, terrazas e ofrecen almorzos
exantares.
"O fogar do pan" ten
unha páxina web e os perfís das redes sociais redactados en galego. Dan o
"Bo día" con café e bolería artesá, mais tamén o ofrecen doutras
maneiras a escoller: con torradas, con biscoito (especial para amantes das
larpeiradas) e tamén con "compango" salgado.
Aínda me esquecía de dicirvos
algo fundamental: o pan está delicioso.
Carlos é de Madrid e agora retornou á fonte das súas raíces en Lourenzá. En Madrid tamén naceron José Manuel, que vive en Riotorto, e Fátima, que se asentou na Ponte Nova, da mesma maneira que o fixeron noutras localidades da Mariña a brasileira Cláudia, a romanesa Mirela ou o arxentino Juan Carlos.
Como medida de cohesión social, todas estas persoas tomaron a iniciativa de facer inmersión na cultura galega. Para iso reúnense cada sábado ás cinco da tarde na escola deArroxo, entre Lourenzá e Mondoñedo, e todos os mércores ás 10 da noite virtualmente a través de teléfonos e ordenadores, coa orientación de Bernardo Penabade. Como complemento, apóianse diaria e mutuamente a través dun grupo de whatsapp e acuden á axuda do profesor na casa: a famosa páxina www.ogalego.eu, de Anxo González e Vitoria Ogando.
Cartaz anunciador do curso
Despois dunha fase inicial de formación teórico-práctica, comezan o proceso de inmersión social en colaboración con diferentes entidades. O primeiro lugar de reunión fóra da Escola de Arroxo foi a Casa da Penela, un establecemento de turismo rural de Vilamor (Mondoñedo). Seguidamente, viaxaron a Barreiros para participar nun foro sobre desenvolvemento, que contou coa participación de Alba Díaz Geada, profesora de Historia Contemporánea na USC; promoveron un encontro de neofalantes celebrado na Finca Galea; e recibiron a visita do profesor e escritor Carlos Taibo, que presentou os seus libros sobre a Teoría do Colapso e o decrecemento.
Este sábado, 29 de marzo, ás 16:30 horas, o grupo trasládase ao Museo Provincial do Mar de San Cibrao para desenvolver unha sesión aberta ao público. Será unha oportunidade para dar a coñecer esta iniciativa de aprendizaxe, compartir os traballos de investigación que están a realizar e visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle unha selección de fotografías de epitafios.
Con motivo da súa pasaxe pola Mariña para participar na presentación das súas últimas obras, o escritor Carlos Taibo visitou a Escola de Arroxo. Primeiro mantivo unha tertulia co grupo do curso e outras persoas convidadas; e, finalmente, plantou un loureiro como recordo.
REFERENCIAS
Encontro na Finca Galea: https://www.cronica3.com/2025/02/encontro-de-neofalantes-este-domingo-na-finca-galea/
Encontro no Museo do Mar: https://amarinaxa.com/news/o-museo-provincial-do-mar-acolle-a-diversidade-linguistica-cunha-sesion-aberta-de-galego/93672/
Entrevista a Carlos P. Garcés: https://amarinaxornal.gal/cultura/115576-carlos-pascual-neofalante-eu-xa-lia-en-galego-a-manuel-maria-ou-a-cunqueiro/
Entrevista a Fátima Mayorga: https://amarinaxornal.gal/oriental/a-pontenova/115692-fatima-mayorga-o-mais-destacable-para-min-e-a-falta-de-tempos-compostos-en-galego/
Entrevista a Manuela Sáez: https://amarinaxornal.gal/cultura/115297-manuela-saiz-neofalante-do-galego-chamoume-a-atencion-a-ausencia-de-tempos-compostos/
Entrevista a Juan Carlos Porcel: https://neofalantes.gal/juan-carlos-neofalante-de-cordoba-arxentina-os-nenos-non-queren-falar-galego-e-iso-e-un-problema/
"É un sitio precioso. Dá a sensación de estar ás aforas de Foz, mais chégase andando sen problema. Ofrece boa comida e, ademais de restaurante, ten habitacións". Así é presentado o Rincón do Mis por unha persoa que comenta a súa experiencia.
Nada máis entrar ao xardín a pé ou en coche, saúdanos un painel informativo. A primeira palabra que nos di é "Benvidos", antes de presentar os horarios xerais, os específicos da cociña, o servizo de ceas, a oferta do menú do día e o horario de desaloxo (ás 00:30 h).
Se avanzamos un pouco por entre as casas de pedra restaurada, á entrada do restaurante recórdannos cun adhesivo na porta: ”Aquí usamos o galego”. Estamos no Rincón do Mis, en Foz. Alfonso e Pablo son os donos deste establecimento que inicialmente abriran con outro amigo co que estudaran na escola de hostalería.
A súa oferta comprende desde eventos como vodas e bautizos, restaurante con carta e menú diario e aloxamento. Por iso din que o seu servizo abarca en maior medida a comarca, mais tamén o resto do mundo. Aínda que sexa un lugar frecuentado por persoas de todas nacionalidades e teñan ao seu dispor a carta en castelán ou en inglés, a empresa aposta pola comunicación corporativa en galego. Xa o comprobamos a través da rotulación e tamén se pode ver todos os días a través das súas redes sociais. Alfonso dinos: “Nós somos galegos e temos un compromiso coa nosa terra e co idioma. Consideramos importante poñelo en valor”.
Painel informativo da entrada ao xardín. A empresa foi fundada en 2012 e operou inicialmente en Burela. Durante un tempo tivo actividade en Burela e Foz; e, a partir do confinamento, mantense nesta última localidade.
O compromiso explícito co uso do idioma galego aparece xa na porta de entrada ao restaurante. Neste caso é un autocolante da iniciativa "abertos ao galego" promovida pola Mesa.
O escultor Pablo López visitou camposantos de tres concellos e incorporouse ao equipo Palabra e Memoria, que estuda o patrimonio documental e a estabilidade do uso do galego no ámbito familiar
Que a lingua galega chegou a desaparecer completamente á hora de despedir as persoas falecidas non é ningunha novidade. Que esa desaparición durou varios séculos tamén. A novidade está na recuperación “desde cero”. Ao estilo ave Fénix.
Sábeno moi ben o centenar de persoas que percorren Galicia para visualizar camposantos e para recoller e estudar a información facilitada por case 50.000 familias. O escultor Pablo López tamén se uniu á “selección galega de visualización” e con libreta, bolígrafo e teléfono, realizou un auténtico "paseo investigador" polos cemiterios locais, comezando polo da parroquia de Fonfría. Neste caso, o seu obxectivo era visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo en detalle dos materiais. Unha vez en cada un dos lugares, o obxectivo aampliouse e o visitante acabou por facer un inventario de arquitectura, pintura e escultura dos templos.
Aínda que polo momento non ten realizado ese estudo exhaustivo da documentación, confirmou que o clásico distanciamento entre as expresións oral e escrita redúcese cada vez máis: a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras "muller", "home", "fillos" ou "netos" increméntase paulatinamente, con maior ritmo nestes anos que levamos do século XXI.
A porcentaxe máis elevada do uso da lingua galega localizouna en Santo André de Logares, onde 8 familias dun total de 70 deron xa o paso a pasar a escrito o idioma de uso oral, e en lugares como Burón, Fonfría, Suarna, os Baos e en Padrón. Sorprendentemente, no casco urbano da capital municipal (A Fonsagrada), o nivel é inferior: dun total de 294 familias, manteñen a estabilidade en galego 6, o que representa un 2% (tres puntos por debaixo da media galega). En Monteseiro, Maderne, Vilar de Cuíña, Allonca, Ouviñano, Louxas e Marentes, o galego escrito aínda non entrou nos recintos dos cemiterios.
A visita ao conxunto das parroquias da Fonsagrada foi completada nunha segunda etapa. Pablo López visualizou as inscricións noutras 9 localidades, co resultado do uso con estabilidade da lingua galega escrita en 16 das 483 propiedades.
Tamén é moi significativa a presenza da cultura galega en 161 cabeceiras, que recollen os nomes tradicionais das casas. Na maior parte dos casos, esa identificación en galego non ten continuidade nas placas de recordo ás persoas falecidas, mais é un paso en positivo.
En Pacios de Mourisco, dun total de 46 familias, o galego está en 21 cabeceiras e 1 lápida.
En Bruicedo: dun total de 44, está en 9 cabeceiras e 1 lápida.
Na Airexa (Piñeira), de 70, hai 27 cabeceiras e tamén unha inscrición nunha placa.
No Freixo, de 104, 5 están redactadas e noutras 25 aparece nas cabeceira.
En San Pedro do Río, no cemiterio vello non hai ningunha palabra en galego; e no novo está en 20 cabeceiras, de 72, e nunha lápida.
Outro tanto ocorre en San Martín de Arroxo: no cemiterio vello nom hai presenza do idioma galego; e no novo está en 5 das 78 propiedades e tamén parcialmente en 29 cabeceiras.
En Santa Xuia, onde hai un total de 23 nichos, dúas lápidas están redactadas en galego, que tamén aparece en 8 cabeceiras.
Finalmente, na Bastida (Xestoso de Baixo) e en Parada Vella o noso idioma aínda non entrou de maneira plena nos camposantos. A súa presenza redúcese a 6 e 16 cabeceiras respectivamente.
A panorámica observada por Pablo López está en total consonancia coa que se desprende do estudo realizado polo xornalista David Canto Veiga, encargado de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (en Zamora). As primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes. Co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma. Ao mesmo tempo, nótase tamén a transversalidade: participan máis as mulleres e o uso do galego escrito deixou de ser patrimonio exclusivo das persoas con estudos universitarios.
Toda esta información recollida a través do voluntariado está rexistrada nun mapa de consulta pública: a "Cartografía do uso do galego nos camposantos" (https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/38/), que contén información sobre uns 200 cemiterios e que está aberto á colaboración de calquera persoa que queira recoller e publicar os datos da súa parroquia.
Igrexa de Pacios de Mourisco. Foto: Pablo López.
Igrexa da Bastida (Xestoso de Baixo). Foto: Pablo López.
Igrexa de Bruicedo, onde o idioma galego escrito está representado por unha inscrición.
Foto: Pablo López
Piñeira (A Airexa). Foto: Pablo López.
Muro situado en Parada Vella (Fonsagrada). Foto: Pablo López.
igra
Igrexa de San Martín de Arroxo. Foto: Pablo López
Caderno de Campo do traballo realizado por Pablo López en Santa Xuia
A profesora Ana Belén Vázquez Pardal, en calidade de comisaria da mostra, e o profesor Bernardo Penabade, en representación da escola de educación social, fan a divulgación para toda a comarca arousá a través das ondas, no Hoy por Hoy da Cadena Ser.
O jornalista Adilton Agues, da Rádio Comercial de Cabo Verde, conversa com os professores Lourenço Gomes e Bernardo Penabade a respeito da ponte de comunicação entre Galiza e Cabo Verde.
Área de controlo no estúdio da Rádio Comercial de Cabo Verde, na Achada de Santo António (Praia)
O jornalista Adilton Agues e o professor Lourenço Gomes no estúdio da Rádio Comercial uns minutos antes da entrevista.
Adilton Agues explica a Bernardo Penabade o funcionamento da mesa usada para programas em que a mesma pessoa se ocupa da locução e do controlo técnico.
Karina Parga durante a gravación do programa Proxecto Neo. FOTO: Lucía Rivas
O Salón de Actos da Faculdade de Ciencias da Educación, situada no Campus Vida, en Santiago de Compostela, acolle unha nova edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante. Durante toda a xornada do 26 de outubro de 2024 haberá relatorios, obradoiros e unha mesa de experiencias e boas prácticas.
A intervención educativa Modelo Burela estará representada pola profesora Karina Parga. Da moderación da mesa ocúpase Irene Vidal Arnejo, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); e tamén intervirán Mª Soledad Louro Lestón, do IES Plurilingüe de Ames; Mª do Carme Liñares, do CEIP Agro do Muíño, da mesma localidade; e Laura Lorenzo Diz, do CEP Plurilingüe de Carreira (Ribeira).
Esta é a décimo sexta edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, organizado polo grupo de investigación Esculca. Nesta edición, o foco de atención céntrase na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural.
Nacida en Joigny (Borgoña; 1975), Karina Parga é licenciada en Filoloxía Francesa pola Univerdidade de Santiago de Compostela. Profesora de Francés no IES Perdouro, preside a Asociación Cultural Os Matos e participa na xestión directiva das Asociación Culural Modelo Burela.
Abderrahim El Aziri Sounni (da Unión de Comunidades Islámicas); José Luís Zapata (do Consello Evanxélico) e Rubén Aramburu (da Igrexa Católica) acollen nas súas mans o Cancioneiro da Ajuda, como símbolo do diálogo entre culturas.
Un exemplar do Cancioneiro de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o incremento de uso do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que o galego gaña terreo nas exequias e que ven na lingua un fío de unión e de concordia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días se presentará un documento coas conclusións. Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou a importancia do uso do galego nun momento tan familiar e íntimo como é un pasamento. Os relatorios foron gravados e as intervencións pódense consultar no sitio web e as redes sociais.
Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor”. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.
Rubén Aramburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Bergondo, explicou que ás novas incorporacións ao clero proceden do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan doutros países e que non entenden a nosa realidade cultural: “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aramburu.
Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí, mais non asumiron como propia a lingua galega. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".
A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.
Presentación dos mapas de uso do galego
O xornalista David Canto Veiga fixo a presentación de dous mapas que recollen en panorámica o uso do idioma galego en diferentes concellos. Nun deles aparecen sinalados os máis de 140 termos municipais en que foi constatada a existencia de inscricións feitas no noso idioma -53 deles visualizados coa metodoloxía Modelo Burela-; e no outro aparecen recollidas as porcentaxes de uso, que oscilan entre o excepcional 0% de parroquias en proceso de despoboación total e o 20% de Rianxo e o Porto do Son ou o 17% de Castro de Rei.
O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fraga, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais encargados á Funeraria Fabeiro están en galego. Ademais, a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias por inercia e falta de costume”.
Finalizou a xornada de relatorios cunha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; Manuel Campos Sanmartín falou do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e Marta Besada fixo a presentación da campaña “Galeg@ para sempre”. A xornada pechou coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.
Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística celébranse desde o ano 1993 e consisten nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello, co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.
O xornalista David Canto presentou os mapas que recollen as porcentaxes de uso por concellos
Segundo o estudo presentado o día 15 de outubro nos XXVI Encontros pola Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os concellos con maior presenza de inscricións en galego nos cemiterios galegos son Rianxo (con algo máis do 20%), Porto do Son, Castro de Rei e Lourenzá (por volta do 15%).
No mesmo encontro, Bernardo Penabade salientou que "por fin, nos
rituais funerarios o uso da lingua galega abandona o confinamento. Xa non serve
aquela resposta estandarizada: “Aquí non hai nada”. Haberá máis ou haberá
menos, mais haberá. E poderase saber desde cando e por iniciativa de quen".
O representante da iniciativa Modelo Burela, unha de cuxas liñas de traballo é a difusión da lingua galega neste tipo de inscricións, enfatizou que "a colleita non apareceu por xeración espontánea. É o
resultado dun traballo intenso e prolongado de moitas persoas e entidades: a
AFNL, co Día da Restauración da Memoria Lingüística e co En galego agora e
sempre; e sempre co estímulo orientador de Xosé González Martínez, a máxima
autoridade nesta materia; o Bienio Irmandiño; o apostolado de Irimia e
Encrucillada; coa intervención dos diferentes servizos municipais integrados na
CTNL; e mesmo co grupo Lápidas en galego, activo nas redes sociais, con
intervencións moi destacadas de Estanislao Fernández de la Cigoña; Carme
Varela; Soledad Pintos Peñaranda; Óscar Franco Barros; Isaac González; Miro
Martínez Cerredelo e un longo etcétera".
Finalmente, agradeceu as colaboracións de Emma
Pedreira, especialista, que acaba de publicar un libro dedicado a esta
temática; o historiador Gerónimo Martínez, de Ortigueira; Diego
Cabarcos, da Universidade da Coruña; o filólogo Brais Costas Fragueiro, da
Unidade Pastoral Baredo-Belesar, de Baiona; Socorro Cea, de Melide; Mariña Area, de Cambados; Charo
Baleirón, das Escolas Católicas; Rosa Espiñeira, da Escola de Arroxo (Lourenzá); Rosario Pérez Magdalena (do Consello da Cultura Galega) e do estudante Álex Quintáns, do instituto Agra de Raíces de Cee.
Ana Belén Fraga Dorado (Alfoz; 1975) estudou Filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (1993-1998).
Traballa na Funeraria Fabeiro desde o ano 2000. No 2006 pasou a ocuparse tamén de Fabeiro Arte Floral S. L., unha empresa destinada nun primeiro momento ao negocio das flores. Desde 2017 é xerente do grupo.