09/04/25

O FOGAR DO PAN


Oferta gastronómica do Fogar do Pan, na Coruña


Michel Stassart


Simón, o noso fillo, veunos visitar durante uns días e fomos á Coruña para estar con el. Un dos lugares polos que pasamos foi a “Tahona. O fogar do pan", en Mato-Grande, á entrada da cidade. Este barrio foi nos anos 90 un grande descampado cheo de felga e silvas. Aínda lembro pasear co Simoniño polas corredoiras que nos levaban a Eiris por entre algunhas pequenas leiras moi próximas do camiño de ferro. Case podo dicir que eran "as ribeiras do camiño de ferro" porque por ali o tren circula como polo leito dun río.

Esta tafona especial, que complementa o nome comercial coa explicación de que se trata do fogar do pan, ten na cidade 7 despachos de pan. A central, o local de toda a vida, onde abriu no ano 1948 e onde ten os fornos, sitúase na praza de Lugo e nel só despachan os pans feitos con fariñas de cereais variados e a súa extensa oferta de pastelaría. Nas outras tendas teñen cafetería, terrazas e ofrecen almorzos e  xantares.

"O fogar do pan" ten unha páxina web e os perfís das redes sociais redactados en galego. Dan o "Bo día" con café e bolería artesá, mais tamén o ofrecen doutras maneiras a escoller: con torradas, con biscoito (especial para amantes das larpeiradas) e tamén con "compango" salgado.

Aínda me esquecía de dicirvos algo fundamental: o pan está delicioso.

MICHEL STASSART naceu en Namur e viviu en Moustier sur Sambre, afluente do río Mosa. Esta localidade belga é moi coñecida porque no mes de setembro celebra a festa da comunidade valona e da cervexa. Este integrante da Escola de Neofalantes aberta no lugar de Arroxo (Lourenzá) autodefínese como "bel(ga)lego".

Sem comentários:

Enviar um comentário