17/06/25

A NOITE QUE SE FOI A LUZ

Carlos Pascual Garcés Sánchez (*)

Capa do libro de Manuel Castro Santamariña, editado pola A.C. Xermolos e a 
Irmandade Manuel María.


A Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María volvéronnos a agasallar  coa publicación dun libro: A NOITE QUE SE FOI A LUZ, de Manuel Castro Santamaría. 

Para min é unha lectura amena que nos leva á Galicia rural dos anos 50 e 60 a través dos contos dun avó ao seu neto. Tróuxome lembranzas da miña infancia cando podía vivir na aldea onde pasaba as vacacións. 

A trama: debido a un apagamento, avós e neto atópanse enfrascados en conversas arredor da cociña de leña. Estas conversas levan avó e neto a dar paseos pola zona onde o patrón conta ao rapaz as súas experiencias de neno. 

Non darei máis detalles para que o lector goce da lectura, se se atreve. 

A estrutura quizais podería ser máis dinámica, mais aínda así a lectura resulta moi amena. É ben certo que pode ser necesario ter un dicionario á man, xa que hai palabras que poden resultar descoñecidas para un público xeral, mais con respecto a isto último salientamos a importancia de recuperar expresións e ditos que nos identifican como galegos. 

Finalmente, fago unha reflexión sobre a nosa actual dependencia das tecnoloxías que nos illan como individuos e nos impiden comunicarnos de xeito que nos farían máis solidarios e, polo tanto, máis humanos. O apagamento que vivimos en todo o Estado hai uns días podería ter sido unha boa oportunidade para poñer en práctica o que propón Manuel Castro Santamariña.

(*) CARLOS PASCUAL GARCÉS naceu en Madrid, onde fixo todos os seus estudos e onde se desenvolveu a súa vida laboral. Desde 2017, cando se xubilou, vive en Santo Adrao de Lourenzá.

Foi o principal impulsor do Curso de Lingua para Neofalantes.

Sem comentários:

Enviar um comentário